CRTVG

Buscar

Un ano sen pistas de Yago de la Puente

Publicado o 13/07/2020 17:54

Fai mañá un ano que se lle perdeu a pista a Yago de la Puente, o mozo coruñés que desapareceu cando volvía á casa tras asistir ao Festival Celta de Ortigueira. Os pais seguen sen pistas sobre o seu paradoiro e sen dato algún sobre o que lle puido pasar.

O 14 de xullo do ano pasado Yago de la Puente decidiu volver á casa sen esperar os amigos cos que estaba en Ortigueira. Colleu o tren ata Cerdido, onde se apeou. Alí preguntou como podía chegar ata A Coruña e non se soubo máis del.

"Estamos sen noticias, seguimos exactamente igual que hai un ano, sen pistas para investigar, moita impotencia", lamenta Aeaceli Agullí, nai de Yago.

As buscas pola contorna de Cerdido non deron resultado e tanto as contas bancarias como o teléfono móbil están inactivos. Malia todo, a familia non deixa de buscar e os pais pensan que a nova concentración convocada para mañá pode axudar a atopar algún fio do que tirar.

"A través das redes, e mañá na concentración para recordar a Yago e para darlle eco a ver se alguén nos di algo", di o pai, Manuel.

Dan pouca credibilidade ás testemuñas que situan a Yago en Cerdido dous días despois de marchar de Ortigueira, e en calquera caso consideran que carece de importancia que o seu fillo desaparecera o día 14 ou o 16.

Este serán está convocada na praza de Pontevedra, na Coruña, unha concentración en lembranza de Yago de la Puente, o mozo coruñés que desapareceu fai mañá un ano, tras o festival de Ortigueira. O lema da xuntanza vai ser "SOSYAGO". 

 

Noticias web

13/07/2020