CRTVG

Buscar

Concentración de repulsa en Foz ás portas do instituto onde estudaba Minaene Franco

Publicado o 05/11/2019 14:23

Veciños e compañeiros de Minaene Franco concentráronse esta mañá ás portas do IES de Foz onde a muller presuntamente asasinada polo seu fillo cursaba estudos de cociña. A vila segue conmocionada logo do acontecido e especialmente as persoas que tiñan relación máis directa con Mina, como todos a chamaban. O seu compañeiro de pupitre nas clases de cociña asegura que xa detectara problemas de convivencia e mesmo aparentes agresións entre nai e fillo.

"Algunha vez viñera chorando á clase e algún compañeiro víralle un ollo morado. Talvez faltou máis contacto con ela. Tamén me contou que nalgunha ocasión chegaran a golpearse".

"Foi un día moi triste e estamos moi conmocionados. Levaba pouco tempo no centro, pero xa era unha persoa moi querida".

A familia da muller asasinada xa foi informada do acontecido. Agora a comunidade brasileira de Foz e doutros concellos da Mariña está a buscar axuda para que os familiares poidan desprazarse dende Brasil a España e para que o corpo da falecida poida ser trasladado ao seu país de orixe.

"Non teño palabras para describir o que sentimos. Agora estamos a traballar para que a familia poida vir aquí e para que o seu corpo poida ser levado ao Brasil".

Segundo os coñecidos de Minaene, o pai do seu fillo falecera hai anos no Brasil. A nai e o fillo residiran temporalmente en Italia pero xa levaban tempo asentados en Foz, onde a muller traballaba nun local de hostalería. Curiosamente, o mozo suposto autor do asasinato tamén fora alumno deste instituto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/11/2019