CRTVG

Buscar

Con só oito anos, salva os seus irmáns menores de morrer nun incendio en Leganés

Publicado o 20/11/2019 15:44

Salvou os seus dous irmáns menores de morrer queimados. Sucedeu durante un incendio nun edificio de Leganés. Dúas persoas quedaron feridas graves por queimaduras e 30 intoxicadas leves.

O lume prendeu nunha manta próxima a un braseiro eléctrico e propagouse con rapidez pola vivenda, situada no terceiro piso deste edificio da localidade madrileña de Leganés. Os propietarios intentaron, sen éxito, sufocar as lapas e quedaron feridos graves con queimaduras na cara e nas mans.

Os seus netos, menores de idade, quedaron ilesos ao sacar o maior, de 8 anos, os seus irmáns máis pequenos do piso antes de que o lume gañase forza. Outras 30 persoas que vivían nos pisos superiores, todos eles adultos, quedaron intoxicados por inhalación de fume. Só 5 precisaron de atención hospitalaria.

Os bombeiros tiveron que utilizar unha escaleira para evacuar pola fachada varios veciños do inmoble sinistrado. O lume destruíu por completo a vivenda incendiada, pero non afectou o resto do edificio.

Noticias web

20/11/2019