CRTVG

Buscar

Compostela vai recuperando turistas en agosto e alónganse as colas á catedral

Publicado o 06/08/2020 15:01

A zona vella de Compostela vai recuperando timidamente a súa estampa habitual. Chegou agosto e nótase que van a máis os turistas que pasean estas rúas.

Din os comerciantes e hostaleiros que notan máis movemento con respecto do mes de xullo, pero que, aínda así, están a anos luz do que tería que ser a actividade normal dun mes de agosto.

"Estamos ao vinte por cento dun ano normal, pero parece que vai remontando", di un hostaleiro da praza da Quintana. Un comerciante veciño comenta que están "moi lonxe" do que esperarían antes da crise sanitaria.

Tamén comentan que hai menos xente os turistas repetidores, que este ano atoparon unha Compostela descoñecida. O que non cambia é a visita obrigada á catedral, así que as colas que se forman para entrar poden ser un bo síntoma de que se vai recuperando o ritmo.

Ben é certo que os controis de seguridade ralentizan algo o acceso ao interior, pero aínda así, din que estas ringleiras de xente son agora máis longas, en lonxitude e en tempo de espera, e que, con todo, paga a pena esperar.

Atopamos sobre todo turistas nacionais, e é que din os comerciantes que falta xente de fóra. Confían en seguir recuperando visitantes e clientela este mes de agosto, e poder salvar o verán.

Noticias web

06/08/2020