CRTVG

Buscar

Competición muda de parecer e decide que o partido se xogue como pedían a Liga e o Fuenlabrada

Publicado o 04/08/2020 16:20

Tras unha xuntanza moi tensa, de máis de catro horas, e no medio de fortes presións, os membros do Comité de Competición Pablo Mayor, membro designado pola Liga, Lucas Osorio, ex-cargo da Liga, e a presidenta Carmen Pérez, que se abstivo, decidiron que o partido se dispute mañá, como pretendían o presidente da Liga, Javier Tebas Medrano, e solicitaba a asesoría xurídica do Fuenlabrada, encabezada polo seu fillo, Javier Tebas Llanas.

O resultado foi unha decisión cociñada en dirección contaria á resolución proposta polo instrutor días atrás, que solicitaba dar o partido por perdido ao Fuenlabrada, e á do propio comité, que consideraba o pasado venres que non había condicións para disputalo, e sen que transcorrese o prazo de dez días para as alegacións das partes. Con moita présa, e nunha viraxe de cento oitenta graos, competición puxo data a un partido pantasma ao que, hai uns días, o Deportivo prevía non se presentar.

Porén, as cousas cambiaron. O Deportivo decidiu finalmente non dar pasos en falso cara á batalla xurídica pendente. Chamou a filas os xogadores, que gozaban do verán, e pensa xogar o partido á espera da resolución do expediente extraordinario aberto ao Fuenlabrada, que podería invalidar o resultado do mesmo, como deixa entrever o propio escrito de competición no seu último parágrafo. En Fuenlabrada, como era de esperar, a decisión do comité soubo a triunfo.

O Fuenlabrada volverá á Coruña, e aínda ten media ducia de membros afectados polo coronavirus e confinados nun hotel da cidade.

Noticias web

04/08/2020