CRTVG

Buscar

Como debemos usar a protección solar coa máscara?

Publicado o 09/07/2020 15:56

O uso das máscaras condiciona o xeito de protexer a pel do sol. O primeiro que hai que ter en conta é o tecido. A la e o poliéster, por exemplo, protexen moito máis que o algodón e o liño.

A rutina de botar a crema de protección antes e expoñerse ao sol está bastante asentada. Pero agora, neste verán raro, xorden as dúbidas. Protexe a máscara da radiación? Hai que botar a crema na zona cuberta?

Emilio del Río, dermatólogo: "As máscaras protexen un pouco, como a roupa. Os tecidos máis lixeiros protexen algo menos pola trama que teñen e polo tipo de cor. Pero hai outros, como as teas máis tupidas, a tea vaqueira, é un exemplo, que protexen moito".

As cremas protectoras son importantes porque non sempre temos posta a máscara. E, nalgúns casos, son fundamentais.

Emilio del Río, dermatólogo: "Aquelas persoas que teñen que desenvolver un traballo no exterior teñen que usar máscaras moitas veces e ao mesmo tempo precisan un fotoprotector axeitado que debería oscilar arredor de 50".

Hai que evitar a exposición nas horas centrais do día, entre a unha e as cinco da tarde, e recuperar vellos métodos de protección.

Emilio del Río, dermatólogo: "Como o sombreiro, con ou sen outros elementos de protección, e, aínda que non entre no ámbito dermatolóxico, é moi importante protexer os ollos, poñer lentes de sol".

Para a praia e para os deportes náuticos tamén se recomenda o uso de roupa axeitada, de licra ou neopreno, que protexen dobremente, do sol e do frío.

 

Noticias web

09/07/2020