CRTVG

Buscar

Como actúa un hospital ante unha sospeita de coronavirus?

Publicado o 25/02/2020 12:54
Como actúa un hospital ante unha sospeita de coronavirus?

O ministerio de Sanidade vai reforzar a información nos centros sanitarios para que todos os traballadores saiban a maneira de actuar ante unha sospeita de coronavirus, mentres os protocolos, que se atopan en revisión permanente, explican como se debe manexar a estes pacientes.

Desde o inicio da epidemia, as comunidades autónomas elaboraron as súas guías de actuación nos servizos de urxencias hospitalarias, que é unha das posibles portas de entrada ao sistema sanitario dos casos do coñecido como COVID-19.

Tamén o departamento que dirixe Salvador Illa publicou na súa páxina web "Manexo en urxencias e primeira atención de pacientes con sospeita de COVID-19".

Neste documento técnico recoméndase aos centros sanitarios a publicación de carteis ou folletos con instrucións sobre hixiene de mans, hixiene respiratoria e tose, ademais de dispoñer de  dispensadores con solución hidroalcólica e ofrecer máscaras cirúrxicas aos pacientes que acudan ao centro sanitario con síntomas de infección respiratoria aguda.

No servizo de admisión, o persoal -non sanitario- realizará ás paciente preguntas como: "Realizou algunha viaxe nas últimas dúas semanas?" ou "En que países estivo?" tras pescudar o motivo da consulta.

No caso de que as respostas evidencien algún contacto cun caso confirmado ou probable de coronavirus, o paciente deberá colocarse unha máscara cirúrxica e será derivado ao circuíto de illamento para evitar o contacto co resto de persoas.

O persoal que lle traslade ata ao circuíto de illamento levará unha máscara cirúrxica e luvas.

Na triaxe, os sanitarios que lle atendan observarán a presenza de síntomas de infección viral ou respiratorios e viaxes recentes a zonas de risco ou contacto con casos de COVID-19 e farase especial fincapé na valoración clínica e a historia epidemiolóxica (datas concretas, exposicións de risco, etc.).

Se o paciente cumpre criterios de "caso en investigación", comunicarase a Saúde Pública da comunidade autónoma correspondente.

Coa información obtida, os profesionais de Saúde Pública valorarán se o paciente cumpre ou non criterios de caso en investigación e darán as instrucións pertinentes.

As mostras tomadas enviaranse ao Centro Nacional de Microbioloxía (CNM) de Majadahonda e o paciente manterase illado no hospital ata obter os resultados de laboratorio.

Sanidade indica que cada hospital deberá contar co seu propio procedemento específico de illamento e sinala que ao circuíto de illamento non poderán pasar nin familiares nin acompañantes do paciente, excepto no caso dos menores.

Os casos en investigación deberán manterse en illamento e o persoal que os atenda deberá cumprir unha "estrita" hixiene de mans antes e despois do contacto co paciente e da retirada do equipo de protección individual.

O persoal que tome as mostras clínicas, atenda a casos en investigación, probables ou confirmados ou as persoas que entren na habitación de illamento deberán levar un equipo de protección individual que inclúa bata resistente a líquidos, máscara, luvas e protección ocular  antisalpicaduras.