CRTVG

Buscar

Comezan as restricións de mobilidade decretadas en varios barrios e cidades de Madrid

Publicado o 20/09/2020 20:56

Desde este luns están prohibidas en toda a comunidade de Madrid as reunións de máis de seis persoas, privadas ou na rúa, agás no ámbito laboral ou entre persoas que convivan.

Pero nas 37 zonas onde os contaxios seguen aumentando, as restricións son case semellantes aos primeiros meses do confinamento. Comercios, academias, centros deportivos, cines ou hostalería só poderán estar ao 50 por cento da súa capacidade e pecharán ás dez da noite. Pechan tamén os parques e xardíns. As entradas e saídas desas áreas serán só por motivos xustificados. Máis de 200 policías vixiarán que se cumpren as normas mediante controis diarios que irán rotando polas zonas afectadas. Estes dous primeiros días non van multar; serán informativos.

Enrique Ruiz Escudero, Conselleiro de Sanidade: "Foi unha decisión difícil, pero cun virus que non ten vacina, que non ten cura, que sabemos como se trasmite, tiñamos que tomar esas medidas".

Os representantes das tres administracións, local, reixional e estatal, que pactaron o operativo nunha reunión na sede da Axencia de Seguridade e emerxencias, fixeron un chamamento á responsabilidade individual.

Enrique López, Conselleiro de Inteiror: "Tampouco podemos poñer un policía en cada esquina, un policía nos fogares; para que esta orde se cumpra en todas e cada unha das rúas próximas a estas zonas, precisamos máis cá nunca a implicación dos madrileños".

Na véspera da reunión que van manter este luns o presidente Pedro Sánchez e a presidenta madrileña, repítense tamén os chamamentos á unidade.

José Manuel Franco, Delegado do Goberno: "Só superaremos esta situación tan dificil, sen precedentes na historia recente de España, se traballamos todos xuntos, se aparcamos as lóxicas diferenzas políticas para cando todo isto pase".

As restricións estarán vixente dúas semanas. O gobero realizara tests rápidos para decidir se as amplía ou non en función da evolución do virus.

Noticias web

20/09/2020