CRTVG

Buscar

Comezan as obras de remodelación do nó dos Concheiros, en Santiago

Publicado o 02/03/2020 14:37

O tramo que vai desde este punto da avenida de Lugo ata o acceso á estación de autobuses conta con dous carrís menos para os vehículos e con dúas glorietas provisionais, unha en cada extremo. Comezan as obras de remodelación do nó que separa os Concheiros das Fontiñas e os cambios no tráfico sorprendían a máis dun condutor.

A obra ten como obxectivo cambiar esta entrada do Camiño de Santiago para mellorar a seguridade dos peóns. Porque estamos no principal acceso dos peregrinos á cidade, no trazado dos camiños Francés, Primitivo e do Norte e por aquí entraron a Compostela o ano pasado 225.000 deles. Segundo algúns veciños, moitos non atravesan a vía por onde deberían, o que xera situacións perigosas.

Un ano durarán os traballos que hoxe unicamente afianzaban as restricións pero que mañá mesmo serán xa visibles coas escavacións na zona. Nunha primeira fase este tramo da avenida de Lugo terá habilitados catro dos seis carrís, e máis adiante o tráfico terá que circular por tres ou mesmo por dous dos seis existentes. Ademais, modifícase o sentido da circulación en dúas rúas do barrio das Fontiñas para facilitar alternativas aos condutores. Este, segundo a recreación facilitada desde a Axencia Galega de Infraestruturas, será o resultado final. Unha praza de 6.000 metros cadrados para priorizar o tránsito ordenado dos peregrinos e compatiblizalo co tráfico rodado.

Entre condutores e peóns as opinións varían. A maior parte dos condutores consultados amósanse contrariados polas molestias que ocasionan as obras, e e maior parte dos peóns cren que a incomodidade das obras traerá unha mellor convivencia entre coches e viandantes. As obras contan cun orzamento de 2,7 millóns de euros.

Noticias web

02/03/2020