CRTVG

Buscar

Seis testemuñas declaran en Tui na reapertura do caso Déborah Fernández

Publicado o 09/12/2019 11:44

17 anos despois reábrese o caso da desaparición e morte de Déborah Fernández. A titular do Xulgado de Instrución número dous de Tui interrogou esta mañá 6 novas testemuñas. Todas son persoas do círculo da desaparecida e do eu ex-mozo. Non transcendeu ningún dato das súas declaracións, pero a familia de Déborah está moi esperanzada.

En total son seis as persoas chamadas a declarar este luns nos xulgados de Tui en relación á nova investigación sobre a morte de Déborah Fernández. A declaración destas seis testemuñas, que se suman a unha anterior realizada a pasada semana, será determinante nesta nova fase da investigación sobre a desaparición e morte da viguesa Déborah Fernández en 2002. A xuíza decidiu reabrir o caso e ao longo desta mañá pasaron por aquí persoas relacionadas co círculo da falecida, pero tamén amigos e familiares do seu ex-mozo, como os seus proxenitores.

Desas testemuñas, tres declaran por vez primeira en sede xudicial. Xunto á xuíza e o fiscal, está tamén os avogados da familia da vítima. De feito, seguindo todo o que acontecía esta mañá ás portas do xulgado estaban a nai e a irmá de Déborah. Amais de nerviosas, recoñeceron estar moi esperanzadas. Agradeceron tamén a colaboración cidadá e dos medios de comunicación.

O corpo de Déborah foi atopado dez días despois da súa desaparición nunha cuneta do Rosal. O principal sospeitoso desta investigación nunca chegou a ser imputado xudicialmente. A causa arquivouse provisionalmente en 2010, pero agora volve a activarse para intentar esclarecer o que aconteceu e quen é ou son os seus responsables.