CRTVG

Buscar

Comezan a normalizar o ritmo de traballo nos quirófanos e nas consultas do CHUO

Publicado o 28/02/2021 14:24

Dionisio López Bellido é o xefe do Servizo de Uroloxía do CHUO. Non traballa con pacientes de covid−19, pero a súa especialidade viuse tamén afectada pola pandemia. Tras pasar o momento máis duro da terceira vaga e diminuír a presión hospitalaria, están comezando a recuperar o ritmo de traballo habitual nas consultas e nos quirófanos. Aínda que seguen a priorizar os casos máis graves.

Dionisio López Bellido, xefe do Servizo de Uroloxía do CHUO: "Xa imos incorporando case case a totalidade dos quirófanos dispoñibles. No noso caso no CHUO puidemos compensar en parte coa posibilidade de facer quirófanos durante a tarde, xa que non podiamos completar todo durante a mañá e así puidemos aliviar nunha parte os atrasos lóxicos pola presión da covid−19. Pero que ocorre?: que iso pode non chegar a todos os pacientes porque con ese cúmulo priorizáronse as patoloxías oncolóxicas e de maior gravidade e quedan outras importantes en calidade de vida pero non de risco vital. Con esas tardaremos aínda todo este ano completo en recuperar a normalidade".

Esta semana no servizo de uroloxía da área sanitaria de Ourense realizaron unhas 35 cirurxías. Están xa na media de cinco a seis intervencións diarias.

Dionisio López Bellido, xefe do Servizo de Uroloxía do CHUO: "En canto ás cirurxías que requirían a prioridade un, practicamente non tivemos ningún cambio. Puido haber puntualmente algún atraso, pero a garantía que temos en Galicia de 60 días cumpriuse en todos eses procesos case case de maneira escrupulosa".

Mais o regreso á completa normalidade nas diferentes especialidades, seica aínda pode tardar. Todo dependerá da evolución da pandemia e de se nos temos que enfrontar ou non a unha cuarta vaga.

Noticias web

28/02/2021