CRTVG

Buscar

Comezan a apañar as patacas de temporada en Coristanco que este ano chegan con retraso

Publicado o 22/08/2019 14:49

Nunha leira plantaron 5 ferrados de patacas o 26 de marzo. Agora, cinco meses despois, son as primeiras de temporada que apañan. "Estas son as primeiras que recollemos. Se as de tarde son así, perfecto. A ver o prezo... Se se mantén pode ser un ano bo", explican.

Agardan un prezo que oscile entre os 60 e os 80 céntimos. Noutras leiras as de cedo colléronas a finais de xullo. As de temporada teñen aínda un mes por diante para apañalas. "Este ano alongouse porque veu frío. As patacas de temporada plantámolas máis tarde porque a terra estaba fría. As de cedo foron na súa época e por iso parece que se alonga a campaña", di Juan Ramón Sanjurjo, produtor.

As catas que se fixeron indican que a campaña pode ser boa. O mildio este ano non influíu na colleita. "Nada. Non afectou. Houbo humidade e calor pero non afectou". 

"Dábanse as condicións perfectas para que houbera ataques de mildio pero non debeu haber esporas e non houbo nada", di Juan Ramón.

En Coristanco están a promover unha asociación para diferenciar a súa marca dentro da Indicación Xeográfica. Queren que se garanta a trazabilidade do seu produto e queren promovelo máis. "Aquí máis do 90% da pataca que plantamos é kennebec. Intentamos diferenciarnos e que cando a xente compre pataca de Coristanco saiba que é kennebec, que é pataca de calidade".

Prevén que 20 ou 30 produtores formen parte desta agrupación. Aquí unha hectárea adoita producir uns 20.000 quilos de pataca.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/08/2019