CRTVG

Buscar

Comeza o cribado masivo na área sanitaria de Vigo con 2.000 persoas de Sárdoma

Publicado o 21/11/2020 14:31

O Servizo Galego de Saúde comezou ás oito e media da mañá a realizar probas PCR de xeito masivo en Vigo. Esta fin de semana é a quenda dos que teñen o seu médico de familia en Sárdoma. Entre hoxe e mañá faranse dúas mil probas en catro quendas de 500 persoas. Este cribado masivo, que pretende chegar a 20.000 persoas de 16 centros de saúde, ten como misión detectar os asintomáticos, os que sen sabelo contaxian outros que si poden desenvolver a enfermidade de xeito grave. E nesta primeira fin de semana citaron os vigueses no covid auto do Meixoeiro, o primeiro que aló por abril comezou a facer os PCR desde os coches.  

Son as oito e media da mañá e no hospital do Meixoeiro hai 500 persoas citadas ata as dúas e media para facer unha PCR desde o coche. Á tarde, de tres e media a nove e media desfilarán outras 500 persoas nos seus vehículos. O mesmo plan para o domingo. Así que nesta fin de semana faranse aquí 2.000 probas PCR.

Todos os que están citados esta fin de semana teñen en común que o seu médico de familia está no centro médico de Sárdoma, que todos foron informados por unha SMS e que teñen entre 20 e 60 anos. Aínda que esta proba é voluntaria, a maioría dos que recibiron a citación aceptaron facela.

Porque a finalidade deste cribado masivo do Sergas, que chegará na área sanitaria de Vigo ás 20.000 persoas, está en dar cos asintomáticos, aqueles que viven sen saber que son positivos en coronavirus. E agora deixamos o Meixoeiro para achegarnos ao outro centro de probas PCR desde o coche, no hospital Álvaro Cunqueiro. Pero aquí cítanse aqueles que puideran telo por algún contacto cun positivo.

Noticias web

21/11/2020