CRTVG

Buscar

Comeza na Coruña o xuízo ao home acusado de matar o fillo en Oza-Cesuras

Publicado o 24/09/2018 21:13

O Día da Nai do ano pasado, Javier, un neno de 11 anos, morreu asasinado a golpes nun bosque de Oza-Cesuras. Hoxe empezou o xuízo contra o seu pai, o acusado do crime.

É o momento en que Marcos Mirás comeza a súa declaración. Explicou que o venres, 5 de maio de 2017, foi recoller o seu fillo ao punto de encontro habitual da Coruña e que apreciou nel unha mirada de odio.

A Fiscalía acúsao de asasinar o seu fillo de 11 anos asestándolle varios golpes na cabeza cunha pa metálica nun bosque de Oza-Cesuras. Tanto para o Ministerio Público coma para o resto das acusacións, o procesado actuou con aleivosía, de xeito consciente e planificado. Piden para el a prisión permanente revisable.

Pola súa banda, a defensa insiste en que o seu cliente nunca recoñeceu ser autor dos feitos polos que é investigado e engade que sempre dixo que non lembraba o que aconteceu o día de autos. E quere deixar claro que o acusado está diagnosticado con 7 enfermidades psíquicas. O xuízo continúa mañá na Audiencia Provincial da Coruña.

Os feitos remóntanse a maio de 2017, xusto o Día da Nai. O cadáver do neno, de 11 anos, apareceu neste monte do lugar de Barra, en Oza-Cesuras. Tiña un golpe na cabeza propinado cunha pa metálica. O rapaz pasara a fin de semana co pai, conforme ao réxime de visitas tras a separación da parella. As alarmas saltaron no momento en que a nai tiña que recollelo no punto de encontro. O neno non apareceu e presentou unha denuncia na policía. 

Os axentes arrestaron o pai ao día seguinte. Localizárono afastado nun hostal da cidade e foi el mesmo quen os levou ata a o cadáver do neno. Coñecía ben a zona, un lugar de difícil acceso, a onde só se chega a través de pistas forestais. Aínda que naceu na Coruña, o acusado ten vínculos familiares con esta aldea de Oza-Cesuras. Moi preto de onde apareceu o cadáver do neno está situada unha casa que pertenceu á súa nai. A noticia provocaba unha fonda conmoción entre veciños, achegados e compañeiros de traballo da familia do pequeno.

A nai do pequeno presentara varias denuncias despois de que o home a ameazara con danar onde máis lle puidese doer. Aínda que o acusado chegou a ter unha orde de afastamento, no momento do crime xa non estaba en vigor.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/09/2018