CRTVG

Buscar

Comeza en PSA Vigo a produción do primeiro Toyota que se fabrica en España

Publicado o 13/12/2019 12:59
Comeza en PSA Vigo a produción do primeiro Toyota que se fabrica en España

A factoría do Grupo PSA en Vigo comeza este venres a produción en serie da furgoneta Proace City, primeiro vehículo da marca xaponesa Toyota que se fabrica en España.

As primeiras unidades do Proace City, que sairán da mesma liña en que a factoría viguesa produce o Peugeot Rifter, o Citröen Berlingo e o Opel Combo, chegarán ao mercado a principios do ano próximo e venderanse exclusivamente en Europa, segundo anunciou en outubro o presidente de Toyota España, Miguel Carsi.

En principio, PSA Vigo fabricará 35.000 unidades deste vehículo, cifra que se podería ver incrementada en función de como responda a demanda.

Segundo calculou Toyota, o lanzamento deste vehículo xerará arredor dun milleiro de empregos na industria de compoñentes de Galicia.

Os Proace City, cuxo período de fabricación oscila entre os seis e sete anos, terán tres versións: industrial, de pasaxeiros e mixta, e a partir de 2021 fabricarase unha cento por cento eléctrica.

Coa incorporación do Proace City á súa liña de produción, a fábrica que PSA ten en Vigo convértese na que ensambla para máis marcas: Citröen, Peugeot, Opel, Vauxhall e Toyota.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí