CRTVG

Buscar

Comeza en Osaka o cumio do G-20, marcado pola guerra comercial entre os EUA e A China

Publicado o 28/06/2019 09:48

O Xapón fixo este venres un chamamento para que os líderes mundiais non caian en "tentacións cara ao proteccionismo" na mensaxe inicial no cumio do G-20, aberta na cidade xaponesa de Osaka.

"Unha economía libre e aberta é a fundación da paz e a prosperidade", afirmou o primeiro ministro xaponés, Shinzo Abe, na primeira sesión dos debates do G-20, ao compartir un xantar de traballo co resto dos líderes presentes no cumio.

"Agora é o momento de comunicar unha forte mensaxe para o mantemento e o fortalecemento dun sistema libre, xusto e non discriminatorio" en temas comerciais, agregou o gobernante xaponés.

As palabras de Abe foron as únicas que puideron seguir os xornalistas antes de que abandonasen a sala na que había unha enorme mesa redonda na que estaban sentados os líderes mundiais e representantes de organizacións internacionais. A mensaxe do primeiro ministro prodúcese no medio da guerra comercial entre os Estados Unidos e A China, que se arrastra desde o ano pasado e que tivo efectos económicos globais e repercusións periódicas nos mercados bolsistas.

Segundo Abe, existe unha "gran preocupación" sobre a "actual situación no comercio global". "O mundo está a mirar a dirección á que se está dirixindo o G-20", agregou o gobernante nipón, que estaba sentado entre o presidente arxentino, Mauricio Macri, anfitrión do anterior cumio do G-20, e o príncipe herdeiro de Arabia Saudita, Mohamed bin Salman, en cuxo país se celebrará a do 2020.

Sánchez negociará a repartición da UE

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ten intención de falar sobre a repartición institucional da UE nas reunións informais que teña con líderes europeos que están, como el, no cumio do G-20 en Osaka, e xa tivo unha desas conversacións co presidente do Consello, Donald Tusk.

Noticias web

28/06/2019