CRTVG

Buscar

Comeza a restauración dos murais renacentistas de Pinol, en Sober

Publicado o 28/11/2019 14:09

Os murais renacentistas da igrexa de San Vicente de Pinol, en Sober, datan do século XVI e figuran entre os máis importantes da escola hispanoflamenga na Ribeira Sacra. Na súa maior parte están cubertos de cal e de manchas producidas pola humidade, polo que apenas se entreven os elementos iconográficos representados. Dado o gran valor histórico e artístico das pinturas, Patrimonio contratou a súa restauración, que xa está en marcha.

"Estaban completamente cubertas polo cal cando empezamos a traballar. Agora xa descubrimos gran parte da pintura en ambas paredes e aínda queda no muro do arco triunfal. O problema principal que ten é o das entradas de humidade na igrexa, que provocaron cristalizacións salinas, colonización biolóxica e que as capas de cal se adherisen á superficie", Mar Sobrino, restauradora.

Nunha primeira fase, as restauradoras ocuparanse de desencalar e consolidar os frescos, que posteriormente serán limpados e recuperados. En conxunto, prevese que estes traballos rematen no mes de maio.

"Nunha primeira operación que se vai facer é a consolidación das pinturas. Os enlucidos están moi separados da parede polos movementos da propia igrexa e pola humidade, polo que se forman enormes bolsas entre o muro e o enlucido. Unha vez descubertas as pinturas, avaliado o estado real de conservación e rexistradas as alteracións, a partir de febreiro comezaremos coa lipeza, o estucado e a reintegración", explica a restauradora.

Cultura destinou máis de 100.000 euros á restauración destes murais de Pinol, que se suman aos máis de 150.000 investidos previamente na rehabilitación da cuberta e dos muros deste templo de orixe románica.

Noticias web

28/11/2019