CRTVG

Buscar

Comeza a recollida da faba de Lourenzá

Publicado o 26/09/2019 15:34

Nas 45 hectáreas inscritas na IXP Faba de Lourenzá comezaron a campaña de recollida. Debido ao mal tempo dos últimos meses, prevese que a produción sexa algo menor, cunhas 15 toneladas de legume certificado. Así e todo, os produtores sinalan que a faba deste ano será de excelente calidade. 

"Moita menos cantidade porque non produciu debido ao maio, que veu frío, xuño tamén, sen chuvia. A faba non saíu ata xullo, polo que vén cun mes de atraso e moita menos colleita, porque o frío non a deixou xerminar. Nin sequera botou flor coma outros anos, tampouco", di Mari Carmen Seijo, produtora de faba. 

"O gordo da campaña aínda vai vir ao longo deste mes. A medida que a faba madure, antes de secar, é cando retiran a faba para fresco. Neste tempo é cando vai empezar a produción máis forte".

"Este ano coido que vai ser de menor produción en xeral, pero si coido que de moi boa calidade, incluso mellor que estes anos anteriores. Aínda que, respito, a produción vai ser un pouco máis escasa", relata José Cuadrado, presidente do C.R. da I.X.P. Faba de Lourenzá.

A Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá conta con 40 produtores inscritos, moitos deles cunha produción moi modesta. Malia todo, debido á falta de man de obra en momentos puntuais teñen que recorrer aos seus familiares para recoller o legume.

"Man de obra, pois non se encontra. Somos produtores pequenos, que non necesitamos man de obra un mes seguido, senón un día ou dous á semana. Por ese tempo non quere vir ninguén. Como somos empresas familiares, botamos man da sogra, dos fillos ou do home. E o sábado e o domindo, todos a unha".

A primeira fin de semana de outubro celebrarase a Festa da Faba. Nela, o quilo de legume certificado venderase a 12 euros o quilo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/09/2019