CRTVG

Buscar

Comeza a operar unha nova ruta cara ás Cíes desde Baiona

Publicado o 01/07/2020 13:54

Os primeiros viaxeiros entre Baiona e Cíes estrearon hoxe a nova ruta. Baiona súmase aos puntos de partida da travesía cara ás Cíes, que xa retomaron o 20 de xuño Vigo e Cangas. Desde aquí haberá cinco traxectos diarios de ida e tres de volta.

Silvia Torres, da Navieira Mar de Ons, amósase satisfeita da acollida dos primeiros traxetos, esta mesma mañá, cunha ocupación dos barcos máis que boa, e avanza que "posiblemente ampliemos a oferta a partir do 15 de xullo, que é o momento en que chegan máis turistas a esta zona".

Deste xeito, quedan comunicados por mar as dúas localizacións galegas incluídas no top 100 de destinos turísticos sostibles. As navieiras que realizan os traxectos implementaron medidas de seguridade e protección fronte á covid-19, que inclúen normas de obrigado cumprimento para os usuarios.

Torres lembra especialmente que "é obrigatorio o uso da máscara a bordo".

Para poder viaxar ao parque nacional das Illas Atlánticas é preciso obter unha autorización da Xunta previa á compra do billete, que se pode tramitar en liña.

As tarifas da viaxe a Cíes desde Baiona son de 18 euros e medio para os adultos, sete euros para nenos de entre 5 e 12 anos e de balde para os menores de cinco anos.

Noticias web

01/07/2020