CRTVG

Buscar

Comeza a operación retorno de vacacións, con máis vixilancia nas estradas

Publicado o 30/08/2019 14:09

27.000 controis de velocidade, 7.500 probas de alcolemia e medio millar de tests de droga faranse durante esta fin de semana nas estradas galegas, para velar pola seguridade do tráfico nesta operación retorno do verán.

O xefe da Garda Civil de Tráfico en Galicia, Francisco Javier Molano, explica que "imos despregar todos os efectivos que temos,tanto persoais como materiais, e se van enfocar sobre todo á vixilancia do comportamento dos condutores, o auxilio se o necesitan pero tamén a vixilancia, o control e a denuncia daquelas infraccións que consideremos especialmente perigosas para os desprazamentos de todos os usuarios".

En total, 600 efectivos da Garda Civil de Tráfico estarán despregados na rede viaria galega, onde está previsto que circulen 535.000 vehículos entre a tarde de hoxe e as 12 da noite do domingo. Aos que veñen ou van de vacacións súmanse os que se desprazan ás praias ou ás festas da última fin de semana de agosto, por iso a vixilancia non se limita ás vías principais.

Di o responsable do Sector de Tráfico que "haberá que ter en conta os desprazamentos de longo percorrido, de vehículos que retornan, os que inician vacacións, os típicos da fin de semana e tamén os de cidadáns que regresan desde Portugal ata países de Europa. Ou sexa, que a vixilancia será tanto nas estradas secundarias como nas principais".

De aí que toda precaución sexa pouca para evitar accidentes. O ano pasado, esta operación retorno deixou en Galicia con dous mortos. No que levamos de ano 64 persoas deixaron a vida nas estradas galegas, dúas máis ca o ano pasado a estas alturas. Preto do 40% dos falecementos debéronse a erros alleos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/08/2019