CRTVG

Buscar

Comeza a demolición controlada das últimas plantas do edificio que explotou en Madrid

Publicado o 21/01/2021 16:58

O falecemento dun sacerdote que estaba ingresado en estado crítico eleva a catro as vítimas mortais na explosión dun edificio en Madrid. Nas próximas horas comezará a demolición controlada das últimas plantas do edificio no que se produciu a explosión.

Outro sacerdote protagonizaba unha chamada de auxilio, instantes despois da explosión. Nas imaxes que gravou poden ver como quedou a vivenda, sen paredes. Só había cascallos.

Os bombeiros retomaban esta mañá as tarefas de desentullo do edificio sinistrado. Tamén os técnicos municipais e da compañía de gas revisan as instalacións e as estruturas, estragadas pola onda expansiva. A demolición comezará de inmediato e durará dúas semanas.

Tamén se avalían os danos en seis edificios cercanos. Os alumnos do colexio La Salle, veciño ao inmoble sinistrado, continuarán esta semana con clases telemáticas ata que se avalíen os danos no edificio. Mentres, a policía está retirando os coches afectados pola explosión.

Esta noite falecía no hospital o sacerdote de 36 anos que quedara ferido con queimaduras graves, co que xa son catro as vítimas mortais do sinistro.

 

Noticias web

21/01/2021