Comeza a colleita de fabas frescas no val de Lourenzá
A campaña arranca con atraso no val de Lourenzá. As últimas choivas de agosto fixeron que as plantacións de fabas reverdeceran de novo e agora as plantas achegan unhas vaíñas desiguais. Estes días os agricultores comezan a recoller a faba fresca.
"Hai bastante faba pero moi desigual. Eu nunca vin así a colleita, hainas secas, hainas amarelas pera recoller en fresco e como choveu moi tarde hai unha segunda colleita", sinala Mari Carmen Seijo, produtora de fabas.
Esta faba é moi perecedeira e ten que ser recollida e procesada ou comercializada no menor tempo posible por iso moitos produtores acoden á cooperativa Terras da Mariña. Aquí xuntan un maior volume de fabas que lles permite chegar a outros nichos de mercado pero quen máis demanda esta faba fresca é a hostalería.
"Cada vez ten unha demanda maior porque é un produto moi fresco, sen nada de pel e moi tenro. Desfaise soa na boca e ten moi pouco tempo de cocción, sen necesidade de poñela a noite antes a remollo", sinala José Cuadrado, presidente da cooperativa Terras da Mariña.
Contra o mes de outubro, cando as plantacións estean xa secas comezará a recollida da famosa faba de Lourenzá e é que só a faba seca, é a que está amparada baixo o selo de Indicación Xeográfica Protexida e da que o pasado ano se comerciaron unhas 15 toneladas certificadas.