CRTVG

Buscar

Comeza a campaña do polbo con escaseza e altos prezos

Publicado o 09/07/2020 16:01

A que xa está en marcha é a campaña do polbo. Nestes primeiros días tras a veda hai escaseza e iso está a elevar os prezos tanto en lonxa como nas prazas de abastos.

Na praza de abastos da Coruña é complicado encontrar postos con polbo á venda. E os poucos que si o tiñan dispoñían de poucas pezas que enseguida desaparecían dos mostradores.

Chega pouco polbo aos mercados e tamén ás lonxas. As capturas, segundo o sector, están sendo moi escasas.

En Corcubión, lonxa da Costa da Morte onde desembarcan o maior número de embarcacións da nasa, din que están a recoller ao redor de 200 quilos ao día, cando o habitual roldaba entre os 1.500 e os 2.000 quilos diarios. E apuntan como posible causa a redución do tempo de veda a un mes. A escaseza na oferta dispara os prezos, que na praza xa acadaron máximos de 18 euros o quilo.

Desde o sector confían en que as capturas vaian a máis e poder salvar a temporada cara ao outono, aínda que recoñecen que a pouca cría que están a atopar non é bo sinal.

 

Noticias web

09/07/2020