CRTVG

Buscar

Comeza a campaña de defuntos con problemas no abastecemento de flor

Publicado o 09/10/2020 16:06

Cando quedan pouco máis de tres semanas para o Día de Defuntos, o sector das florerías advírtelles aos seus clientes que adianten as súas encargas porque este ano parece que hai escaseza de flores.

Na florería de Sandra soa o teléfono unha, dúas e outra máis. Son os seus clientes, que este ano adiantan as encargas para defuntos. Sábese que vai a haber escaseza de flor.

"Sobre todo a flor que ven de fóra, a flor que ven de Colombia e Ecuador que son produtores importantes de caravel, clavelina e rosa, entón os nosos proveedores habituais estannos advertindo que fagamos os encargos con moito tempo de antelación para que non quedemos sen flor", di Sandra Cierto, propietaria de El Jardín.

O culpable, unha vez máis, é o coronavirus, que minguou a rede de distribución.

"Non hai voos con regularidade, entón eles teñen que reservar espazos nas bodegas dos avións", explica Sandra.

A flor que se produce aquí tamén escasea, porque hai menos cantidade.

"Ao mellor hai menos problema para conseguila, pero vai haber menos cantidade porque houbo moito produtor que este ano non se arriscou a producir porque se tirou moita flor na campaña do Día do Pai", conta a propietaria de El Jardín.

Sandra puxo o día 10 como límite para facer encargas porque, di, "nos anos anteriores non había problema, ao mellor un par de días antes, a xente que ademais traballamos con ela todos os anos si que lle recollemos o pedido, pero este ano é moi complicado porque non podemos garantir que lle podamos servir".

Ademais, van reforzar o servizo de entrega no cemiterio. A xente teme as aglomeracións, por iso, dende o sector, aconsellan facer unha recollida en tenda de forma gradual e non deixar todo para última hora.

Noticias web

09/10/2020