CRTVG

Buscar

Comeza a campaña da centola e do boi de mar con mal tempo pero con boas perspectivas

Publicado o 11/11/2019 21:30

O comezo da campaña da centola é todo un acontecemento no Grove. A súa lonxa é a que máis diñeiro factura con este marisco. E os prezos deste luns fan pensar en que esta vai ser unha boa tempada. O primeiro lote levouno a 29,50 un restaurante da vila.

David Pérez Domínguez, cociñeiro do restaurante D'Berto: "Si. Son cociñeiro do Grove, do restaurante D'Berto e veño comprar as centolas. É a primeira do ano e hai que empezar duro. Hai que ser sempre o primeiro en todo porque se non isto voa. Hai que coller as mellores".

O segundo lote vendeuse a 24,30. Un prezo tamén moi alto. Lembremos que o ano pasado o primeiro lote foi a 16 euros. Os mariñeiros están contentos cos prezos pero tamén coa cantidade de marisco que entrou nos miños.

Martín Vidal Barreiro, armador do José y Elisa: "Pinta ben por zonas. O ano pasado había máis pero estaban máis concentradas e este ano hai por máis zonas. Todas estas son femias e son pezas dun quilo para arriba así que de tamaño está ben e parece que están gordas".

A campaña durará varios meses, pero o seu punto forte é dende agora ata o día de Reis. Nesta época é cando máis se paga o marisco.

Antonio Otero, patrón maior da confraría do Grove: "Para nós, cando remata a campaña de verdade é despois de Reis porque despois xa a centola é especie acompañante. Agora é o principal obxectivo".

Todo parecen boas noticias, pero os máis veteranos prefiren non confiarse demasiado, porque este ano houbo moito polbo e os polbos comen moita centola. Haberá que agardar a ver se hai tanta como se cre.

Tamén comezaba este luns a campaña do boi, pero mentres dure a centola os mariñeiros non empezarán con el.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/11/2019