CRTVG

Buscar

Colau fala con Sánchez e pide que lle colla o teléfono a Torra, aínda que sexa para discrepar

Publicado o 21/10/2019 11:31
Colau fala con Sánchez e pide que lle colla o teléfono a Torra, aínda que sexa para discrepar

A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, conversou esta mañá co presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, e pediulle que se poña ao teléfono cando lle chama o presidente catalán, Quim Torra, porque "o teléfono débese coller sempre" e pódese utilizar tamén para discrepar.

Sánchez desprázase este luns a Barcelona para visitar os axentes feridos nos disturbios destes días, e ademais enviou esta mañá unha carta ao presidente da Generalitat, a quen non atendeu as súas chamadas telefónicas, para lembrarlle a súa obrigación de condenar a violencia e "evitar a discordia civil".

En declaracións a Catalunya Ràdio, Colau dixo que "o diálogo institucional" é "máis necesario que nunca" e relatou a conversación telefónica que mantivo esta mañá con Sánchez, a quen dixo que cre que "se ten que coller o teléfono", pois considera que se debe falar mesmo a partir do desacordo: "Podes collelo para criticar e discrepar".

Pediu a ambos os presidentes que "atopen a maneira" de falar e de "desescalar o desencontro", se é preciso recorrendo a terceiras persoas "de confianza" que exerzan un labor de "mediación" para que poidan poñerse en contacto aínda que sexa de forma indirecta.

Colau insistiu en que "se debe falar sempre" e viu "terrible" que as polémicas destas semanas se incrementen, ao seu xuízo, porque nos atopamos "nun contexto electoral" que "tamén ten que ver con estas escenificacións".

Criticou así mesmo os "erros" de Torra, en concreto o seu discurso no Parlament no que propuxo votar a autodeterminación nesta lexislatura, e sinalou que falou "só a unha minoría de cataláns", no canto de dirixirse ao conxunto da sociedade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí