CRTVG

Buscar

As matriculacións de turismos caen por primeira vez desde 2012, un 4,8%

Publicado o 02/01/2020 08:30

As matriculacións de turismos e todoterreos en España diminuíron en 2019 por primeira vez desde 2012, un 4,8 % en comparación co ano anterior, ata 1.258.260 unidades (63.177 menos), informaron este xoves as asociacións de fabricantes (Anfac), de vendedores (Ganvam) e de concesionarios (Faconauto).

Este descenso no ano viuse compensado polas cifras positivas de matriculacións en taxa interanual do último cuadrimestre e de abril (2,6 % máis).

De feito, no último mes computado (decembro) a matriculación de coches mellorou un 6,6 % en comparación co mesmo mes de 2018, ata 105.853 unidades.

No acumulado de 2019 a canle de particulares retrocedeu un 11,6 %, 76.693 unidades menos que en 2018, e o diésel profundou a súa caída, ata un 25,91 %

As asociacións do sector destacaron que superar os 1,2 millóns de turismos vendidos é un bo dato, a pesar do descenso con respecto ás vendas de 2018.

Para Anfac, a cifra de vendas en 2019 "está preto do mercado natural de España", aínda que esta mesma fonte subliña o mal dato da canle de particulares "como leva ocorrendo sistematicamente desde hai case ano e medio".

"Temos que ser capaces de reverter esta situación, dando mensaxes de certeza aos clientes", aseguran os fabricantes.

En  Faconauto deron por bo o ano, a pesar, din, do impacto do "ruído en torno ao diésel que afectou especialmente ao mercado de particulares".

Ganvam achacou o descenso de vendas en 2019 á "incerteza política, as dúbidas sobre a economía e, sobre todo, o desconcerto dos cidadáns sobre que coche comprar".

As asociacións coinciden en sinalar unha previsión para 2020 tamén á baixa en canto ás matriculacións de turismos, que podería estar próxima a un 3 % menos en comparación co ano recentemente concluído.

En canto ás matriculacións de vehículos comerciais lixeiros, reducíronse un 8,1 % en decembro en taxa interanual (16.373 unidades), mentres que no conxunto do ano creceron un 0,3 % (214,927 unidades).

Os vehículos industriais, autobuses, autocares e  microbuses pecharon decembro cunha caída das vendas do 10,4 % (1.595 unidades), para pechar o ano cun incremento do 0,3 % (28.073 unidades). 

E o tema a debate: o tipo de combustible. Aínda que a tendencia é positiva para os vehículos con etiqueta Cero Emisións ou ECO, continúan a ser os coches de gasolina, con más do 67%, os máis vendidos. E as marcas líderes en mercado absoluto foron Seat, en primeiro lugar, e logo Peugeot.

Noticias web

02/01/2020