CRTVG

Buscar

A Arxentina amplía 21 días a corentena en zonas de risco, como Bos Aires

Publicado o 05/06/2020 07:56
A Arxentina amplía 21 días a corentena en zonas de risco, como Bos Aires

O presidente da Arxentina, Alberto Fernández, estendeu a corentena obrigatoria polo coronavirus ata o 28 de xuño nas zonas de transmisión comunitaria do virus, como a área Metropolitana de Bos Aires (AMBA), pero gran parte do país pasará a unha fase de "distanciamento social", no canto do actual "illamento social".

"Todos quixeramos volver á nosa vida e ao noso ritmo habitual canto antes, pero isto é a realidade", dixo Fernández nunha conferencia de prensa conxunta, como xa é habitual, co xefe de Goberno da capital, o opositor Horacio Rodríguez Larreta, e o gobernador da provincia de Bos Aires, o peronista Axel Kicillof.

Mellores resultados que o resto de Suramérica

No día en que A Arxentina superou os 20.000 casos de COVID-19 e as 600 mortes pola enfermidade, o mandatario recalcou que son necesarias as duras medidas que permanecerán na AMBA, conformada por Bos Aires e o amplo cordón urbano que a rodea e que pertence á provincia.

"O que estamos a facer é coidarnos a nós e coidar así os outros", dixo o presidente, quen sinalou que na AMBA, onde viven preto de 13 millóns de persoas, se rexistran o 90 % dos casos.

A pesar do aumento recente de casos na AMBA e a delicada situación nos barrios vulnerables, volveu destacar con diapositivas que a Arxentina é dos países menos afectados de Suramérica pola COVID-19.

"Seguimos confirmando que os resultados que estamos a obter, comparado coa rexión, seguen sendo resultados alentadores", aseverou o presidente, ao puntualizar que o seu país ten 42,5 casos confirmados por cada 100.000 habitantes e 12,8 mortes por coronavirus por cada millón de habitantes.

Ademais da AMBA, os focos con maior cantidade de  contaxios atópanse nas provincias de Chaco (norte), Río Negro (sur), Trelew (sur) e Córdoba (centro).

Neses lugares con "circulación comunitaria" a corentena continuará, coa diferenza de que o prazo de extensión cambia por primeira vez, de 15 días pasa a ser de 21, ata o 28 de xuño.

Fin do "illamento social" que había desde o 20 de marzo en moitas provincias

 Fernández afirmou que hai 18 provincias en que "non hai circulación comunitaria do virus", o cal supón "o 85 % do país", e confirmou que eses lugares están capacitados para saír do "illamento social preventivo e obrigatorio" tras o próximo 7 de xuño, día en que finalizará o actual período de corentena.

Así, entrarán na etapa que o xefe de Estado denominou de "distanciamento social preventivo e obrigatorio", na cal os comercios e industrias poderán reabrir sen distinción entre esenciais e non esenciais, como seguirá pasando na AMBA e nas outras poucas zonas máis afectadas.

Segundo Fernández, na fase do distanciamento social poderá haber reunións en lugares pechados de ata dez persoas, calquera persoa poderá realizar as súas actividades sempre que garde distancia de dous metros respecto ás demais, deberase seguir usando máscara e esixirase ventilación nos ambientes e hixiene nas superficies. "Estamos a dar un novo paso que favorece que o país se axilice na súa economía", subliñou o gobernante.

Con todo, en ningún punto do país se poderán realizar "eventos públicos ou privados de máis de dez persoas", engadiu, nin tampouco se permitirá a mobilidade entre xurisdicións.

Fernández comentou que, en conversacións con gobernadores, estes lle transmitiron que os casos illados que algúns rexistraron se produciron por causa de "veciños das súas provincias que volven" de zonas de risco e "levan o virus".

Récord diario de falecidos, con 25

O Ministerio de Saúde informou no seu reporte diario que este xoves se detectasron 929 positivos de COVID-19, e con iso o país alcanzou os 20.197 contaxios desde o inicio da pandemia.

A inmensa maioría dos novos casos concentrouse na AMBA, pero Chaco (norte) notificou máis novos positivos dos habituais, 53.

Ademais, producíronse 25 novos falecementos na Arxentina nas últimas 24 horas, 23 deles entre Bos Aires e a provincia homónima, e iso supuxo un récord para o país suramericano, onde xa morreron 608 persoas por coronavirus e 5.993 pacientes recuperáronse.

Alberto Fernández chama a "cambiar" A Arxentian tras a covid

Alberto Fernández opinou que a pandemia ofrece "unha gran oportunidade de cambio" á sociedade arxentina para que, unha vez superada, terminen as "inxustizas" cos barrios vulnerables, golpeados polo coronavirus.

"Hai que terminar coa desigualdade. Ninguén pode ter unha mirada épica da Arxentina se non se constrúe unha Arxentina máis igualitaria que a todos conteña", considerou o mandatario.

 

Noticias web

05/06/2020