CRTVG

Buscar

Prisión provisional sen fianza para o investigado pola morte dun home en Oleiros

Publicado o 03/01/2020 16:27

Prisión provisional sen fianza para o mozo de 27 anos investigado polo homicidio dun home na festa de Noitevella nun local de Oleiros. Recoñece que houbo un altercado pero nega que lle lanzara obxecto ningún á vítima. A xuíza deixou libre con medidas cautelares o outro detido en relación coa liorta.

Son os achegados do mozo investigado pola morte dun home durante unha liorta entre dous grupos na festa de Noitevella en Oleiros. Ten 27 anos e, segundo o seu avogado, está moi afectado polo ocorrido. Recoñece que participou na lea pero nega que golpeara a vítima cun cinceiro ou outro obxecto. A xuíza decretou o seu ingreso en prisión, incondicional e sen fianza por un presunto delito de homicidio.  Ao outro detido deixouno en liberdade coa obriga de comparecer periodicamente no xulgado. Permanece investigado por un presunto delito de lesións. O seu avogado sostén que non foi unha morte intencionada senón fortuíta.

José Ramón Sierra, avogado do detido que quedou en liberdade dixo que a morte se producira a raíz dunha caída e que cando tiveran o informe da autopsia poderían acreditar documentalmente todo o que estaban dicindo.

O informe da Garda Civil considera acreditado que a vítima recibiu un golpe cun cinceiro de metal pero que será a autopsia quen determine se faleceu por esta ou outra causa.

 

Noticias web

03/01/2020