CRTVG

Buscar

Europa abre a porta a revisar abusos nas hipotecas con IRPH

Publicado o 03/03/2020 10:08

• Os tribunais españois deberán analizar caso por caso e decidir se foi comercializada de forma abusiva

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) deu este martes a razón aos consumidores con hipotecas referenciadas ao índice IRPH ao sentenciar que os xuíces españois deben controlar se se comercializaron de forma abusiva, o cal permitiría esixir compensar os afectados cando sexa o caso.

A corte con sede en Luxemburgo precisa que, cando se considere que houbo un abuso, o xuíz nacional poderá substituír o IRPH por outro índice legal para protexer os consumidores das consecuencias prexudiciais que podería implicar a anulación do contrato de préstamo.

A sentenza supón un pau para a banca, que podería ter que facer fronte a unha factura de ata 44.000 millóns de euros, xa que as entidades españolas tiñan unha carteira de 15.500 millóns de euros en hipotecas referenciadas ao IRPH a finais de 2019. En Galicia hai máis de 30.000 persoas afectadas.

O IRPH é un índice oficial que elabora mensualmente o Banco de España desde 1994. A polémica polo seu uso desencadeouse entre 2013 e 2016, cando se estabilizou en valores próximos ao 2 %. Na práctica, isto deixaba aos clientes con IRPH en desvantaxe respecto a os hipotecados con euribor, cuxas cotas se foron reducindo de forma considerable pola caída progresiva do índice a terreo negativo.

Os consumidores comezaron a solicitar entón a nulidade do IRPH por "abusivo" e pouco transparente.

En novembro de 2017 o Tribunal Supremo avalou o IRPH ao considerar que a mera referencia dunha hipoteca a un índice oficial non implica falta de transparencia nin abuso algún.

Os afectados levaron entón o caso ante o TXUE, que hoxe debía aclarar se o índice é nulo ou ilegal, se ten que estar sometido aos mesmos controis de transparencia que outros produtos e cales serían as consecuencias de declaralo nulo.

A sentenza da corte europea contradi ao Supremo e declara que os tribunais nacionais están obrigados a "examinar o carácter claro e comprensible" das cláusulas que fixan o tipo de interese da hipoteca baseado nun índice, o IRPH neste caso.

Para que esta cláusula se considere transparente, non só ten que ser comprensible desde o punto de vista "formal e gramatical", senón permitir que un consumidor "medio" entenda como funciona o método de cálculo do tipo de interese e as súas consecuencias económicas, precisa o xuíz.

Isto supón, en particular, que debe informarse do método de cálculo en termos "facilmente alcanzables", así como da evolución do índice no pasado.

Ademais, o TXUE ditamina que, cando o xuíz nacional considere que a cláusula era abusiva e a  declare nula, poderá substituíla por outro "índice legal aplicable" se as partes non acordan outra cousa.

Iso, a condición de que a hipoteca non poida subsistir se se suprime a cláusula abusiva, e a anulación do contrato na súa totalidade "deixase o consumidor exposto a consecuencias especialmente prexudiciais".

A corte non precisa, con todo, se debe utilizarse o euríbor, referencia do 90 % das hipotecas en España, ou outro.

Tras o veredicto hoxe de Luxemburgo, relativo á reclamación dun consumidor contra Bankia, serán os xuíces españois os que deban determinar en cada caso se houbo abuso e as consecuencias. Isto supón un reforzo para as organizacións de consumidores, que calculan que centos de miles de clientes con hipotecas ligadas ao IRPH pagaron de media un sobrecusto duns 20.000 euros por cada 200.000 de hipoteca, segundo Asufin.

Noticias web

03/03/2020