CRTVG

Buscar

Coa combinación de calor e tormentas, volve o mildio ás viñas da Ribeira Sacra

Publicado o 01/06/2020 14:17

A calor abafante dos últimos días, con temperaturas superiores aos 30 graos, combinada coa humidade que traen as tormentas, provocou a proliferación do mildio nas viñas da Ribeira Sacra. O fungo ataca as follas e mais os acios da planta, que acaban queimados, polo que pode terminar por estragar a colleita se non se trata a tempo.

Xosé Manuel Rodríguez, presidente do C.R.D.O. Ribeira Sacra: "A humidade da chuvia anterior fai que con esta tremenda calor case todas as mañás as cepas estean moi molladas, cunha orballada forte. E con temperaturas a primeira hora da mañá xa de 20 graos é un caldo de cultivo espectacular para os fungos, sobre todo para o mildio. Isto fixo que en moitos sitios, sobre todo nos lugares máis húmidos, houbera un ataque importante deste fungo. Neste momento de final da floración, que é moi sensible a viña, nalgúns casos supuxo unha perda importante".

En previsión das tormentas, os viticultores da Ribeira Sacra xa comezaron a fin de semana a tomar medidas. Para atallar o mildio, aplicaron tratamentos fitosanitarios nas viñas.

Xosé Manuel Rodríguez, presidente do C.R.D.O. Ribeira Sacra: "Hai o cobre e unha serie de produtos que están no mercado para controlalo, pero é un fungo moi complicado á hora de controlalo. Das follas pasa aos acios e córtaos, que é o mildio larvado, e pérdese a colleita. É a gran problemática deste fungo tan difícil de erradicar".

O mildio sucede o black rot, outro fungo contra o que xa se tivera que tomar medidas antes da chegada das altas temperaturas.

Noticias web

01/06/2020