CRTVG

Buscar

Citan 180 persoas para un cribado vencellado cun equipo de fútbol de Ribeira

Publicado o 21/01/2021 23:35
Citan 180 persoas para un cribado vencellado cun equipo de fútbol de Ribeira

A área sanitaria de Santiago e Barbanza prevé citar 180 persoas vinculadas cun club de fútbol de Ribeira (A Coruña) para a realización de tests co fin de detectar casos asintomáticos, segundo confirmaron fontes de Sanidade. Así, as persoas citadas, entre as que están nenos e adestradores, deberán acudir este venres ao Hospital do Barbanza para someterse aos tests.

Esta medida enmárcase no proceso de realización de cribados poboacionais e a colectivos específicos que se está levando a cabo nas diferentes áreas sanitarias de Galicia para detectar persoas contaxiadas de coronavirus.

Na área de Santiago, este xoves realízanse cribados a traballadores de varias empresas de Valga (citouse a 550 persoas no centro de saúde da localidade) e a empregados do pequeno comercio da Pobra do Caramiñal (147 citados para facer as probas no Hospital do Barbanza).

Sanidade continúa tamén cos cribados no IES Antón Fraguas, no que se citou 767 persoas, entre alumnos e profesores, e en Serra de Outes, onde se prevé citar máis de 4.300 persoas maiores de 15 anos.

Respecto ao cribado realizado o pasado martes á hostalería e ao comercio de Pontecesures, en que participaron 195 persoas, fontes de Sanidade confirmaron que se detectaron oito casos positivos.

Por outra banda, a área sanitaria de Vigo informou da realización, este xoves, dun cribado con tests de antíxenos a 381 veciños de Tomiño que non participaran no cribado poboacional que se realizou hai unhas semanas. Nestas probas de diagnóstico rápido, que se fixeron no centro de saúde desta localidade, detectouse un caso positivo entre as 381 persoas que acudiron (dunhas 600 que foron contactadas polo Sergas).

Na criba realizada neste municipio anteriormente foran citadas 2.197 persoas, das que acudiran a facer unha PCR 1.606. Naquel momento detectáronse 18 casos positivos de COVID−19.

Noticias web

21/01/2021