CRTVG

Buscar

Cirurxiáns do CHUS reconstrúen unha mandíbula con tecido cultivado na perna dunha paciente

Publicado o 03/11/2020 15:09

A intervención, que se prolongou máis alá das 12 horas, culminou coa reconstrución da mandíbula dunha muller de 40 anos que padecía un tumor benigno.

O cirurxián que dirixiu a intervención, Quim Megías, explica que "tivemos que cortar a mandíbula debido ao tumor da doente, entón, o que fixemos é reconstruír óso con óso e enxiva con enxiva".

O tecido óseo cultivouse no peroné da propia doente, pero a enxiva non é quen de rexenerarse por si mesma na perna, así que recorreron á chamada enxeñería tisular, o cultivo das células da paciente nun laboratorio.

"No canto de sacar moita enxiva da paciente, con un centímetro cadrado mandamos cultivala".

Dese centímetro obtiveron unha porción de enxiva dez veces maior e inxertárono tamén na perna.

"Crece a enxiva e despois transplantamos o óso da perna con enxiva da boca e iso conectámolo co colo da paciente".

Fixérono, ademais, cunha técnica minimamente invasiva para evitar cicatrices faciais visibles. Un fito para a cirurxía maxilofacial compostelá, posible grazas á colaboración con anestesistas, cirurxiáns plásticos, especialistas en anatomía patolóxica e persoal de farmacia e enfermería. Cada ano, uns 20 pacientes poderán beneficiarse desta técnica no hospital compostelán.

Noticias web

03/11/2020