CRTVG

Buscar

Seis novas mortes elevan a 121 o número de falecidos con coronavirus en Galicia

Publicado o 01/04/2020 22:35

• Hai máis de 4.000 contaxiados, aínda que xa curaron 259 persoas

• Ascenden a 31 os usuarios de residencias de maiores falecidos en Galicia

Nas últimas horas faleceron seis persoas que estaban infectadas por coronavirus en Galicia. A última vítima é un home de 74 anos ingresado no Hospital Juan Cardona de Ferrol. A esta morte hai que sumarlle a de tres homes de 75, 83 e 85 anos que estaban ingresados no CHUS, a dunha muller de 91 anos ingresada no HULA e a dun varón de 58 ingresado no CHUO. Todos tiñan patoloxías previas, segundo informou o Sergas. 

Galicia supera o cento de falecidos por coronavirus. Desde o 14 de marzo, día en que se rexistrou a primeira vítima mortal, ata este mércores faleceron en Galicia 121 persoas. Desas 121, máis da metade tiña máis de oitenta anos. Malia superar o cento de falecidos, a taxa de letalidade en Galicia é unha das máis baixas do Estado. Sitúase no dous por cento, seis puntos e medio por baixo da media de España.

Ademais de superar o cento de mortes, este mércores a nosa comunidade autónoma superou os catro mil positivos. Son, segundo a última actualización, 4.058 casos. Do total de casos, tres mil, que respresentan o 75 % dos pacientes, non precisan hospitalización e daquela pasan a enfermidade na casa. O 20 % dos positivos está ingresado en planta convencional e o cinco por cento dos casos, que son 157 pacientes, están na Unidade de Coidados Intensivos.

Como cada xornada, as boas novas son as altas. En Galicia están curadas 259 persoas. Medran as altas e tamén o número de probas para diagnosticar o coronavirus. Na nosa comunidade autónoma son máis de 19.000. Este mércores coñecemos a incidencia da COVID-19 nos corpos de seguridade, un dos colectivos na primeira liña de actuación fronte ao coronavirus. En Galicia deron positivo 22 policías nacionais e 18 gardas civís.