CRTVG

Buscar

Cinco falecementos este sábado elevan a 712 os mortos por coronavirus en Galicia

Publicado o 19/09/2020 21:43

Durante esta tarde notificábanse as últimas vítimas: un home de 90 anos ingresado no hospital da Coruña e outro de 69 en Ourense. Das outras vítimas deste sábado dúas procedían de residencias de maiores: unha muller de 85 anos que morreu no Lucus Augusti e que vivía na de Outeiro de Rei e un home de 89 que faleceu no hospital da Coruña e residía no xeriátrico de Culleredo. A quinta vítima mortal foi un ancián de 93 que morreu no Polusa. Desde hai unha semana faleceron en Galicia 33 persoas, 12 delas de residencias de maiores.

En canto á situación nos hospitais diminúe o número de persoas ingresadas tanto nas unidades de coidados intensivos como en planta. Aumenta pola contra, o número de infectados que pasan a enfermidade na casa ata chegar aos 4.136.

Desde onte 228 pacientes recibiron a alta. Nestes momentos hai 4.365 casos activos, dos que 281 foron diagnosticados nas últimas horas. Unha cifra que sobe con respectos a estes días pasados. Tamén é elevado o número de probas PCR feitas nas últimas 24 horas, 5.365.

A área sanitaria que máis segue aumentando en número de casos é a de Pontevedra con 40 activos máis seguida da de Vigo e tamén Ferrol.

En canto á situación nas principais residencias de maiores afectadas mantense como na xornada anterior pero detectáronse positivos en dous centros onde non había casos: un traballador do xeriátrico Santa Marta, en Vigo e outro no Nosa Señora da Saúde, na Peroxa.

Tamén deu positivo un usuario da residencia para persoas con diversidade funcional Pai Menni, en Betanzos. É o segundo centro deste tipo en Galicia que ten residentes infectados neste momento.

En total hai 38 usuarios con discapacidade positivos despois de que onte se detectasen 10 casos novos na Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros, que era a única afectada.

Noticias web

19/09/2020