CRTVG

Buscar

Cinco comunidades pechadas perimetralmente, mentres Madrid e Andalucía estudan decretar a medida

Publicado o 27/10/2020 14:35

O confinamento perimetral xa é unha realidade en 5 comunidades. As últimas en decretalo son Euskadi, Asturias e Aragón, sumándose así a Navarra e A Rioxa. O País Vasco vai máis alá e limita a mobilidade entre municipios.

As tres capitais de provincia de Aragón (Huesca, Zaragoza e Teruel) manteñen o seu propio confinamento, que agora se amplía a toda a comunidade.

Dende as doce da noite, Asturias tamén quedará pechada perimetralmente. E A Rioxa decreta durante un mes o peche perimetral e o cesamento da actividade hostaleira dos municipios de Logroño e Arnedo.

Cataluña rexistrou na última xornada máis de 5.000 novos casos e 39 mortes. O Govern estuda un posible confinamento durante as fins de semana. En Navarra, xa confinada, os contaxios volveron subir, ata achegarse aos 600 casos, segundo o último balance.

A Comunidade de Madrid decidirá nas vindeiras horas sobre un posible peche perimetral ante a ponte festiva de Todos os Santos.

"A economía española non aguanta máis, as cifras son catastróficas e cada vez que pechamos estamos prexudicándoa máis. É certo que a saúde é o primeiro, pero non deberían estar enfrontadas se facemos as cousas ben", di Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid.

En Andalucía, o presidente da comunidade tamén augura un peche perimetral para toda a rexión a vindeira fin de semana.

Noticias web

27/10/2020