CRTVG

Buscar

Científicos españois volven pedirlle ao Goberno un comité independente para avaliar a xestión da pandemia

Publicado o 22/09/2020 14:58

Unha vintena de reputados científicos españois volveulle pedir ao Goberno que se faga un comité de expertos independentes para avaliar a xestión da pandemia. Fixérono a través dunha carta publicada na prestixiosa revista The Lancet, ao igual que fixeron en agosto. Propoñen que se cree urxentemente un comité independente para avaliar a xestión da pandemia, que estea formado por expertos de distintas disciplinas que non traballen, nin traballaran, para o Goberno.

Un dos asinantes do texto é o epidemiólogo galego Juan Gestal. Conta que o primeiro escrito "tivo moitos apoios de sociedades científicas, profesionais, cidadáns e mesmo de gobernos das comunidades autónomas. Debe aproveitarse este consenso para levar a cabo a avaliación".

O ministro de Sanidade reunirase con eles a semana que vén. Aos que leva tempo sen ver é aos membros do comité científico creado polo propio Goberno. Segundo recoñecía Salvador Illa esta mañá nunha entrevista, non se reúne con eles nos últimos meses, dende xullo.

"Ignoro, tería que confirmalo, se o doutor Simón, que é quen dirixe este comité científico, tivo reunións con eles. Cónstame que está permanente contacto cos seus membros", engadiu.

Noticias web

22/09/2020