CRTVG

Buscar

Científicos chineses alertan do perigo dunha nova pandemia por unha cepa da gripe porcina

Publicado o 30/06/2020 18:44
Científicos chineses alertan do perigo dunha nova pandemia por unha cepa da gripe porcina

Científicos chineses advertiron nun recente estudo do perigo dunha nova cepa de gripe porcina identificada en porcos do país asiático, que ten o potencial de contaxiar humanos e provocar unha nova pandemia.

O estudo, liderado polo científico Liu Jinhua, da Universidade de Agricultura da China e publicado pola revista científica 'Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America', baséase en máis de 30.000 mostras tomadas entre 2011 e 2018 das vías respiratorias de porcos en 10 provincias chinesas.

Os científicos atoparon 179 virus diferentes da gripe porcina tras analizar as mostras. Entre eles atópase un denominado G4, que é unha "combinación única de tres liñaxes", entre os que figura a cepa do H1 N1 que mutou dos porcos aos humanos e foi responsable da pandemia de gripe de 2009.

Os investigadores realizaron experimentos en furóns, que mostran síntomas de gripe parecidos aos humanos -como febre ou tose- ao expoñerse a este tipo de virus, e concluíron que a cepa G4 é "altamente infecciosa" e que causa "síntomas graves".

"É especialmente preocupante porque un das orixes deste virus remóntase tamén á gripe aviaria, contra a que os humanos non teñen inmunidade", asegura un dos científicos.

Con todo, os investigadores non presentan probas de que a cepa poida transmitirse entre humanos: "as probabilidades son baixas", segundo a investigadora Martha Nelson, citada pola revista científica 'Science'. "Pero ninguén sabía da cepa H1 N1, que saltou dos porcos ás persoas, ata que apareceron os primeiros casos humanos en 2009", engade.

Por iso, os investigadores piden que se tomen medidas de prevención dado que "é cada vez máis frecuente que os porcos se infecten con virus que teñen o potencial de saltar a humanos".

Os científicos Sun Honglei e George Gao, director do Centro Chinés para o Control e a Prevención de Enfermidades, apuntan que "tería sentido desenvolver unha vacina contra o virus G4 tanto para porcos como para humanos".

Noticias web

30/06/2020