CRTVG

Buscar

A China pon en corentena 33 millóns de persoas

Publicado o 24/01/2020 14:55

O Goberno chinés endurece as medidas para frear o avance do coroavirus. Ampliou a corentena a unha decena de cidades en que hai máis de 33 millóns de persoas confinadas, e empezou a construír a toda présa un hospital novo en Wuhan, epicentro da infección. O novo centro terá mil camas para tratar e illar persoas afectadas pola doenza.

Centos de máquinas traballan á vez para rematalo en dez días, como o que se construíu en 2003 para facer fronte á síndrome respiratoria aguda, a SARS.

En zonas máis afastadas de Wuhan tamén se están a tomar medidas. Suspendéronse actividades do ano novo chinés para evitar aglomeracións e en Pequín pechouse a turística Cidade Prohibida.

O número de casos confirmados achégase aos 900, e están contabilizados 26 mortos, a maioría persoas maiores con outras doenzas crónicas.

Fóra da China diagnosticáronse 15 contaxiados, despois de que Corea do Sur, Singapur e Vietnan detectaran novos positivos nas últimas horas. En Italia hai unha muller hospitalizada con síntomas da doenza, pero aínda se descoñece o resultado da análise para identificar o virus.

O Ministerio de Sanidade español desbotou que estivese infectada a muller que onte chegou a Barcelona procedente de Wuhan.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/01/2020