CRTVG

Buscar

A China endurece as medidas contra o coronavirus e pon en corentena outras sete cidades

Publicado o 24/01/2020 09:12

Singapur, Vietnam e Corea confirmaron nas últimas horas tres novos casos de coronavirus. Noutros lugares, como Escocia, O Canadá e Italia tamén avalían tres pacientes que viaxaron a Wuham e que presentan síntomas compatibles con esta infección. As medidas de profilaxe esténdense polos aeroportos con conexións con Wuhan, mentres se poñen en corentena as oito cidades da provincia onde comezou o andazo.

Segunda xornada de corentena en Wuhan. A cidade onde comezou o andazo mantén os seus 11 millóns de habitantes coa mobilidade restrinxida para deter a epidemia. Habitantes que incorporan as máscaras á súa normalidade cotiá. Os hospitais están ao bordo do colapso, ao recibiren moitas persoas preocupadas pola aparición de síntomas. Desde onte morreron oito pacientes máis e algunhas redes sociais publican a información non confirmada de que o Goberno podería estar preparando un hospital de campaña. O que si se confirman son novas restricións de mobilidade para outras sete cidades de menor tamaño na provincia de Hubei.

"Na actualidade, a prevención da epidemia entrou nunha etapa crítica. Debemos frear decididamente a propagación da epidemia a outros lugares. Esta é a principal responsabilidade que debemos asumir", di Wang Xiaodong, o gobernador da provincia. Mentres, tomaron a decisión de suspender algúns actos do festival de primavera para evitar contaxios polas aglomeracións.

O coronavirus deixa un novo caso en Corea e tamén novos positivos en Singapur e Vietnam. As medidas de profilaxe son constantes nos aeroportos con coñexión a Wuham, como este de Turquía. Mesmo así, a Organización Mundial da Saúde non decreta a alerta mundial e confía en que sexan efectivas estas medidas de confinamento.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/01/2020