CRTVG

Buscar

Chega o outono e volven os castañeiros ás rúas das vilas e cidades

Publicado o 09/10/2020 22:08

O que tampouco abunda tanto coma outros anos é a castaña. Os produtores esperan recoller nesta campaña entorno a un 70% do habitual. Con todo, hai suficiente para surtir os postos de rúa, que xa están instalados en moitas cidades galegas.

O posto ambulante de Pura e Sergio, na Coruña, anuncia que xa estamos no tempo das castañas. Hai pouco máis dunha semana que acoden sen faltar un día á céntrica rúa Real, sempre no mesmo lugar. "Estamos empezando aínda e a primeira castaña está un pouco verde aínda, non está curada, oito días máis ou así...", di Sergio Gallego.

O goteo de xente para mercar as castañas asadas é constante e mesmo din que teñen clientes fixos. "A xente vai parando e di hai que alegría, xa adoece na rúa, esas cousas que notas que a xente te aprecia. Os clientes mesmo, ás veces compran, ás veces non compran, pero quedan contentos, sempre teñen algo que dicirche, con todo que este ano é atípico total", explica Pura Gómez.

E así é porque no posto de Pura e Sergio tamén se respectan as medidas sanitarias deste tempo de pandemia e non falta o hidroxel. Estes históricos castañeiros levan nada menos que 60 anos vendendo castañas asadas nesta rúa coruñesa e Sergio aínda lembra os prezos que había daquela. "Cando empecei a asar castañas, eu empecei no ano 59 en Pontevedra e dabamos 12 a unha peseta e unha a un patacón, pero iso...", conta Sergio.

Sergio e Pura estárán co seu posto ambulante de castañas ata despois do Nadal. A popular rúa Real non sería o mesmo sen eles neste tempo.

Noticias web

09/10/2020