CRTVG

Buscar

Chega a Santiago o peregrino 300.000 deste 2019

Publicado o 01/10/2019 13:49

Ducias de peregrinos apuran a recta final, aparecendo timidamente entre a néboa, ata facer a súa entrada en Santiago. Pouco máis tarde, esta cidade sería testemuña da entrega da compostela número 300.000. O afortunado foi José Antonio, un valisoletano que fixo só o camiño francés desde León, seguindo os mesmos pasos que hai 50 anos, cando o levara a cabo por primeira vez cun grupo de amigos. Moito cambiou dende entón.

José Antonio Álvarez, peregrino número 300.000: "Entón o Camiño non estaba estruturado, non había camiños nin frechas, non había albergues e tampouco case peregrinos. O que non cambia é a sensación ao entrar na praza do Obradoiro".

Antes que José Antonio, durante o mes de setembro, obtiveron a compostela máis de 45.000 peregrinos. Supón un lixeiro descenso con respecto aos 47.000 do mesmo mes do ano pasado, pero confirma a boa afluencia de camiñantes fóra dos meses de xullo e agosto, os máis concorridos.

"Tiñamos uns días e fixemos o Camiño. Este setembro hai moita xente, comparado con hai dous anos non sei se o dobre pero moita. E detrás aínda veñen coreanos e americanos".

Porque o mes pasado, seis de cada dez peregrinos que chegaron a Compostela non eran españois. Confírmase deste xeito a consolidación do Camiño máis aló das nosas fronteiras.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/10/2019