CRTVG

Buscar

Centros concertados galegos, familias e traballadores critican a futura reforma educativa

Publicado o 10/11/2020 15:01

O 29 % do alumnado galego estuda en colexios concertados. O sector está preocupado ante a futura reforma educativa.

Para Juana Otero, secretaria autonómica de Escolas Católicas, na futura lei "case todo resulta lesivo, xa a forma de levala a cabo, sen ningún tipo de consenso nin diálogo social".

En Galicia hai uns 420 centros concertados. Coa futura lei, non poderán segregar por sexos nin cobrar cotas forzosas ás familias. Ademais, na lei Celaá desaparece o termo "demanda social" que ata agora lles permite ampliar prazas se o piden as familias.

Jesús Martín, director do colexio La Salle Santiago, cre que "se isto vai adiante, sería a administración quen decidiría onde levar os nenos e iso ten unhas connotacións que poden ser perigosas dende o punto de vista ideolóxico".

O proxecto de lei tampouco contenta as familias usuarias destes colexios. Segundo Ignacio Louro, presidente das ANPA de colexios concertados da pProvincia da Coruña, "limítanse moitos dereitos, como, por exemplo, o de que os pais poidamos elixir o centro educativo no que queremos que estuden os nosos fillos".

Tampouco está de acordo o sindicato maioritario entre os 7.500 traballadores do ensino concertado en Galicia, o FSIE. O seu secretrario federal, Rodolfo Castro, cre que a futura lei, "suporía a perda de postos de traballo porque se irían pechando unidades concertadas pouco a pouco".

O sector mobilizarase todos os mércores deste mes diante de cada colexio concertado.

Noticias web

10/11/2020