CRTVG

Buscar

Dous falecementos e catro positivos máis vinculados coa residencia do Incio

Publicado o 02/09/2020 16:44

Diminúe o ritmo de contaxios na área de Lugo pero segue a preocupar a situación das residencias. O foco máis grave segue a estar na do Incio.

Nas últimas horas faleceron outras duas anciás desta residencia que estaban ingresadas no HULA. As mulleres, de 94 e 86 anos respectivamente, tiñan patoloxías previas. Con elas, elévase a nove o número de vítimas mortais deste gromo.

Tamén aumentaron os positivos no centro; hai catro contaxios máis entre os traballadores. O número de infectados é de 89 internos e 31 traballadores.

Xa se coñece tamén o resultado do cribado que se fixo onte entre os veciños. Das 170 probas realizadas todas deron negativo.

Na de Outeiro de Rei que acolle a 200 internos, hoxe non aumentaron os casos, e as cifras manteñense en 39 internos contaxiados e cinco traballadores. As familias valoran o traballo da dirección do centro. 

"Estan todos illados, meu irmán deu negativo e está illado no cuarto. A dirección, un dez; as medidas que tomaron, outro dez, independentemente dos contaxios". "Preocupa o tema en si, é igual que haxa contaxios na residencia ou noutro sitio calquera", explican os familiares dos residentes.

Na provincia hoxe hai 786 casos activos, 27 maís ca onte. Ademais do falecemento das duas anciás da residencia do Incio, no hospital finaba un home de 84 anos diagnosticado de coronavirus.

Noticias web

02/09/2020