CRTVG

Buscar

Catro mozos de menos de 30 anos, feridos nun accidente en Carballo

Publicado o 06/10/2020 14:10

Un accidente de tráfico interrompeu traumaticamente o inicio deste martes de tres estudantes da zona de Tordoia e dun obreiro carballés. Os catro, con menos de 30 anos.

Foi pasadas as oito da mañá na estrada que enlaza Ordes e Carballo, á altura do desvío para Covas. Dese lugar procedía o camión que invadiu a comarcal cando pretendía xirar en sentido a Ordes e se interpuxo na ruta que facía o coche en que viaxaban tres mozos cara ao instituto Monte Neme da vila carballesa.

Aínda que o condutor da camioneta, veciño de Covas, tamén saíu con feridas, os peor parados son os ocupantes do turismo. En máis dun caso as súas lesións agraváronse ao non levar posto o cinto de seguridade. Os catro foron evacuados a hospitais da Coruña.

A consecuencia do golpe, os dous vehículos acabaron desprazados ao outro lado da estrada, o coche practicamente fóra da calzada e o camión atravesado no carril ao que ía incorporarse, pero mirando cara ao outro sentido.

Isto fixo que o tráfico por este punto da AC-413 estivera restrinxido a un carril baixo o control dunha patrulla da Garda Civil de Tráfico durante máis de tres horas.

Os dous vehículos teñen danos importantes e foron retirados cando o equipo de informes e atestados completou a recollida de datos e imaxes sobre a posición e o estado en que quedaron.

Noticias web

06/10/2020