CRTVG

Buscar

Catro médicas de catro países están de intercambio en Vigo

Publicado o 17/10/2019 15:15

Catro doutoras, catro países escoitando como pasa consulta a doutora galega.

"É saber como se fan as cousas noutros lugares e que eles tamén coñezan como facemos as cousas aquí", di Álvaro Lamas, médico de familia residente. "É moi bo ese feedback con alguén doutro país que te abre a mente", engade a pediatra Rosalía Piñeiro.

Estamos en Vigo, no centro de saúde de Teis. Ao subir ao ascensor non cambiamos de planta, cambiamos de país.

Empezamos polo Reino Unido coa doutora Katy Horder:  "Vexo que en moitos aspectos o sistema de saúde é moi similar." Sistemas de saúde similares, os dous gratuítos, pero con diferenzas coma a que apunta Rosalía Piñeiro: "Nós chamamos por teléfono e eles usan Skype."

Cambiamos de país. Bélxica. Katrien Danhieux: "É un sistema privado, non público". "Referiu que é un sistema privado e que ela decide o tempo que dedica a cada paciente, que adoita ser duns quince minutos", traduce Sara Correia, residente de cuarto ano no centro de saúde de Teis e coordinadora do proxecto. 

Imos a Portugal. Rita Margarido tamén fala do tempo de consulta: "Aquí tedes uns sete minutos, e en Portugal depende, pero un mínimo de dez minutos". O sistema de saúde luso é estatal, pero "pagamos unha taxa para poder consultar o médico, o enfermeiro."

Viaxamos a Malta. Yanica Vella fala doutro sistema público:"Hai similitudes. Tamén é gratis en Malta."
E a docente colaboradora Sabela Estévez engade: "Os pacientes alí non piden cita previa, senón que acoden ao centro directamente."

En Malta seguen co papel, non teñen informatizadas as historias clínicas. E en Inglaterra non as teñen conectadas entre a atención primaria e o hospital. O historial electrónico do paciente foi do que máis lles sorprendeu do sistema sanitario galego.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/10/2019