CRTVG

Buscar

Catro incendios en Porto do Son danan coches, casas e colectores de lixo

Publicado o 03/01/2020 14:07

Os incendios aconteceron entre as seis e as once da mañá deste xoves. Tres deles na zona urbana próxima ao porto e outro nun edificio illado situado ao lado do areal de Cabeiro.

A primeira acción incendiaria foi na rúa Xesús contra o coche que unha veciña deixou aparcado ao lado da súa vivenda. O vehículo quedou inservible e o lume tamén estragou a baixante de augas do tellado e a caixa dos contadores eléctricos. O fume danou a fachada da vivenda.

Minutos despois outro veciño, este da travesía Moullón, avisaba de que estaban a arder os colectores de residuos sólidos situados neste espazo. Os colectores de plástico estaban rodeados dun valado de madeira que tamén quedou reducido a cinza.

O outro obxectivo do que semella ser actividade vandálica dunha ou máis persoas incluíu o estanco da praza de España. Prendéronlle lume ao toldo, do que só quedou a estrutura metálica. Os donos encontráronse con esta situación onte ás nove cando foron abrir. Aquí tamén viron unha botella de plástico na que, supostamente, os autores levaban algún acelerante da combustión.

Xa á media mañá o indicio de lume saía desta casa, un inmoble en Cabeiro habitado no verán, concretamente do terceiro andar. Os investigadores supoñen que entraron varias persoas para estaren de festa e logo ocasionaron o incendio. O interior da vivenda quedou parcialmente destruído.
 

Noticias web

03/01/2020