CRTVG

Buscar

Detidas catro persoas nunha persecución pola AP-9 en que tiraron belotas de haxix

Publicado o 20/02/2019 14:19

A Garda Civil comisou 3,9 quilos de haxix en forma de belotas despois dunha espectacular persecución pola AP-9. Aconteceu na peaxe de Vilaboa, despois de que un coche saltara un control de tráfico. Os seus catro ocupantes non só desobederon os axentes, senón que durante a persecución foron tirando polas ventás parte da mercadoría. Catro persoas foron detidas. Dúas xa quedaron en liberdade.

Circulaban por esta autoestrada do Atlántico en dirección a Vigo. No interior do vehículo ían catro ocupantes, dous homes e dúas mulleres, que ao chegaren a esta peaxe de Vilaboa decidiron saltar un control da Garda Civil de Tráfico. Comezou entón unha espectacular persecución por esta AP-9 na que participaron varios axentes. Durante a mesma algúns dos ocupantes do vehículo foron tirando pequenos obxectos pola ventá. Trátabase de belotas de haxix. 

Foron 16 quilómetros de persecución que remataron xusto aquí, pouco despois desta estación de servizo en que entraron co coche para tentar despistar os axentes. Pouco despois de incorporarse á AP-9, varias patrullas o esperaban para darlle o alto en plena AP-9, no quilómetro 144. Os seus catro ocupantes eran detidos por saltar o control e por tráfico de drogas. De feito, nesta área de servizo tiraron un bolso en que levaban numerosos paquetes de haxix.

En total, a Garda Civil incautouse de 3,9 quilos desta droga. As dúas mulleres quedaron en liberdade e os dous homes pasaron esta mañá a disposición xudicial nos xulgados de Cangas. As imputacións para ambos son contra a saúde pública e ao condutor súmanlle outro delito de seguridade viaria por conducir sen carné por perda de puntos.

Noticias web

20/02/2019