CRTVG

Buscar

Catro anos de cárcere para o ancián que atropelou un pelotón ciclista na Guarda

Publicado o 12/02/2020 11:27

A Audiencia provincial de Pontevedra condenou a catro anos de cárcere o home de 91 anos que en 2016 atropelou na Guarda ao volante do seu coche un grupo de ciclistas, dous dos cales morreron e outros oito quedaron feridos de gravidade.

Ademais das penas de cárcere por dous delitos de homicidio por imprudencia grave e oito de lesións por imprudencia grave, a Audiencia fixa en concepto de responsabilidade civil senllas indemnizacións de 1,8 millóns de euros e 4.400 euros para dous dos atropelados.

O 12 de marzo de 2016, cara ás 11:00 horas, nun tramo da estrada PO-552, no lugar de San Xián, parte do pelotón de ciclistas afeccionados que circulaban pola zona foi atropelado por un vehículo todo terreo que conducía o acusado.

No lugar do atropelo morreu José Antonio Casás, e dez meses máis tarde, Diego Freiría, mentres que outro ciclista, José Antonio Vilán, profesor e investigador da Universidade de Vigo, quedou con graves secuelas e sofre incapacidade permanente absoluta.

No seu veredicto, a Audiencia de Pontevedra resalta que o acusado "desatendeu de forma groseira e moi relevante as máis elementais normas de cautela e prevención esixibles a calquera condutor" dun vehículo de motor.

Máxime cando na estrada en que se produciu o atropelo, que o acusado percorría "practicamente a diario", é habitual a presenza de ciclistas e hai sinais que así o advirten.

Tamén destaca que acometeu a un grupo de catorce ciclistas, dispostos en filas de dous en dous salvo os dous últimos, e que eran "perfectamente visibles e a distancia", de forma violenta e "sen realizar manobra evasiva ningunha", nin sequera "pisar o freo".

O tribunal abunda en que, dadas as circunstancias, "era facilmente alcanzable a adopción de medidas de precaución básicas e elementais" para evitar impactar contra o pelotón, a pesar do cal "o acusado non adoptou ningunha, senón que pola contra continuou circulando en liña recta".

O autor do atropelo acolleuse ao seu dereito a non declarar no xuízo celebrado o pasado decembro.
O seu avogado esgrimiu que no seu día xa prestara declaración ante a Garda Civil e durante a fase de instrución xudicial e que actualmente non está en condicións de saúde para someterse a un novo interrogatorio.

Os axentes da Garda Civil que acudiron ao lugar do sinistro sinalaron na vista oral que constataron unha "distracción total" por parte do nonaxenario e que o atropelo se produciu nun tramo recto, con visibilidade e con condicións "óptimas" para a condución.

Ademais, apuntaron que o condutor, ademais de exceder a velocidade permitida, non fixo ningunha manobra evasiva ou de freada e que o tramo de estrada do lugar do sinistro está amplamente sinalizado como zona na que adoita haber circulación de ciclistas.

O acusado foi localizado nun bar a algo máis dun quilómetro de distancia e deu negativo no control de alcolemia e de drogas e, entre outras cuestións, comprobouse que non recibira chamadas que puidesen alterar a condución durante os minutos previos ao accidente.

O condutor do vehículo que ía detrás do coche do nonaxenario explicou que os ciclistas circulaban en dúas filas paralelas e próximas á beiravía e detallou como o ancián non reduciu a velocidade e atropelou un a un a todos os ciclistas.

"O único que vin foi saltar ciclistas por arriba, polos lados e por baixo do coche", dixo esta testemuña no xuízo.

E engadiu que, despois do atropelo e antes de continuar o seu camiño, o ancián baixou do coche para retirar o cadro dunha bicicleta que quedou enganchado no seu vehículo.

A pesar diso, a Audiencia de Pontevedra estimou parcialmente os recursos presentados pola defensa e acordou sobreser as actuacións respecto a un posible delito de omisión do deber de socorro.

A defensa confirmou a Efe que recorrerá o ditame "por cuestións técnicas", non relacionadas coa idade nin co estado de saúde do seu cliente.

Mentres, Aida Blanco, avogada de José Antonio Casás Pérez, un dos dous ciclistas falecidos, considera que pola contía da pena, "a máxima" que pedían Fiscalía e os avogados de catro vítimas do atropelo acudidos na causa, o xa codenado nesta causa debería ingresar en prisión.