CRTVG

Buscar

O incendio de Huelva queima 9.000 hectáreas e obriga desaloxar 2.400 persoas

Publicado o 29/08/2020 11:30

O incendio forestal declarado o xoves en Almonaster la Real en Huelva que arrasou conforme as primeiras estimacións 9.000 hectáreas é o máis grave dos rexistrados este verán. Xa obrigou evacuar 2.400 persoas de diferentes localidades onubenses. O vento con cambios de dirección e refachos de ata 50 quilómetros por hora é o principal inimigo e fai que avance sen control e afecta xa a Almonaster, Zalamea la Real, El Campillo e la Zarza.

As lapas ameazan un acebuche centenario que desde 2004 é un símbolo da resistencia da provincia contra os incendios forestais. Entre os desaloxos preventivos está o do concello de La Zarza ao completo. Os seus 1.200 veciños están realoxados noutras vilas.

Varias estradas permanecen cortadas na zona por mor das lapas e o fume. Para tratar de estabilizalo traballaron durante a xornada case unha trintena de medios aéreos e centos de persoas en terra, entre eles integrantes da UME. O lume provoca unha nube de fume que cobre parte das provincias de Huelva e Sevilla. Ata na localidade sevillana de Arahal, a uns 200 quilómetros do comezo do incendio, apréciase a nube de fume sobre as vivendas.

 

Noticias web

29/08/2020